|
os trabalinguas presentan...
o labirinto dos soños
25 de novembro 2005
Dobre función nas Pontes. Pola mañá, concertada con escolas; pola tarde, para todos os públicos. A Casa do Peso está un pouco esbandallada. Mágoa, o local podía dar para máis. A función da mañá vai moi ben. O conto é que imos facer o resto do día ata a función das 18:30. Comémolle uns cogumelos bastante xeitosos no Puxigo (?) e alongamos a sobremesa. O día é feo. Chove, venta, vai frio. Nada de excursións nin de paseos. Acabamos montando un campeonato de dardos nunha cafetería. Antes da función, leo a Avilés de Taramancos nunha edición do concello que atopo no almacén que nos serve de camerino. Había tempo que a poesía non me safaba un día, por feo que fose.
Pola tarde aínda se xuntou unha boa xentiña. De cando en vez non está mal traballar tamén cos non tan nenos. Rematamos cansados. A viaxe de volta a Compostela faise longa.
24 de novembro 2005
Rematamos a xira patrocinada por Caixa Galicia en Cabana de Bergantiños. Tivemos que adiar a data porque aínda non remataran o auditorio da súa nova Casa da Cultura e ao final tampouco puidemos estrealo. Acabamos actuando no salón de actosdo colexio. Non é o mesmo pero non tivo mal. A rapazada portouse moi ben con nós. Facía un día precioso arredor do colexio, situado en plena ría, na desembocadura do Anllóns. Daban gañas de dar unha voltiña pola Costa da Morte e buscar por alí un peixiño fresco para o xantar. Lástima que andabamos un pouco apurados e tivemos que tirar millas. Orabén, trabucamos un pouco o camiño de volta e acabamos pasando pola Barcala, camiño de Negreira. Non puidemos evitar caer na tentación de catar o bacallau. Hmmmmm. E antes unhas navalliñas de Carnota que nos deixaron sen fala.
11 de novembro 2005
Voltamos ao Pazo da Cultura de Carballo, local que nos trae boas lembranzas da nosa pasaxe en decembro de 2004. De novo atopamos un bo ambiente de traballo, un local cómodo e un auditorio cheo de nenos que nos reciben con entusiasmo. Ferpecto.
28 de outubro 2005
En Arzua, a casa da cultura ten o auditoriño no primeiro andar. Levan décadas con ese invento. O espazo é xusto, pero dá. Logo hai que agardar media hora para que vaian chegando os autobuses escolares carrexando os nenos (eu creo que só había un bus que ía e viña). Quitando estes pequenos atrancos, outra boa función sen nada especial que comentar.
27 de outubro 2005
Tremendo auditorio en Vilalba. Non podía ser menos, berce de Moby Dick (nacer, disque naceu en Cuba). A vila, por alba que sexa, moita vida parece que non ten. Tamén a esas horas... a cousa está difícil en calquera sitio.
Palco de luxo, ben montado e cómodo para traballar. O auditorio encheuse de rapaces e a cousa funcionou moi ben como decote.
Vai frio na Terra Cha. Buscamos un lugar para comer e a cousa está cara na vila. Liscamos e achamos un tremendo caldiño nun deses restaurantes con moitos camións aparcados á porta. E que pan! Mágoa non lembrar o nome do sitio.
21 de outubro 2005
Pontedeume. Actuar no salón de actos dun colexio relixioso ten o seu aquel. Sobre todo cando o tal salón está separado da capela só por medio dunha cortina. O conto é que moito sitio non había, o palco era pequeno e non había lugar algún a man para nos poder cambiar. Montamos a fume de carozo sobre o frio terrazo e como xa chegaba a hora, comezamos a mudarnos tras da cortina. Os rapaces xa viñan vindo. Tras da cortina, na capela, claro. Tamén de terrazo e con esa austeridade moderna un pouco masoca das igrexas de cemento dos 60-70. A luz da mañá caía sobre o cristo crucificado filtrada polo pavés colorido. Moi pop, pero tenebroso na mesma. Apareceu unha madre e quixo recriminarnos por andar en cirolas por aquel lugar santo. Non nos berrou moito. Decatouse de que non nos deran moitas atencións. E nós tampouco montamos alí un cisco. Todo máis ou menos recollidiño. Fundas de batería e calcetíns.
Saímos ao palco coa mirada do santísimo na caluga. Que lle darán aos nenos nestes colexios? Están hstéricos! Menos mal que foron pousando pouco a pouco. A miña voz polo micrófono retumbaba no cemento. Vinme no pelexo dun cura. Pensei no labirinto da catedral de Chartres.
20 de outubro 2005
Monforte de Lemos ás 11:30 da mañá. Madrugón récord. Saída de Santiago ás 7:30. Alborea o día subindo ao Monte Faro camiño a Chantada. No Multiusos de Monforte trabállase ben. Práctico e ben pensado. Escenario amplo, público en bancadas, son aceptábel. Montamos nun tris, aínda nos sobrou tempo. A función sae viva e divertida. Pero no público escolar (cheo de novo) dominan os crueis adolescentes, machitos incipientes que aproveitan a mínima para poñelo difícil. Ímolos mareando, pero non podemos evitar que nos apupen como é debido ao final. Se non, non marchan tranquilos. Que chova, xa estamos afeitos. Así e todo, os condenados métenche a dúbida no corpo, e mentres estás no palco, lémbraste de fitalos, de mirarlle as cariñas. Gustarálles ou non? Ves as boquiñas abertas, ves como non perden detalle, ves como estiran o pescozo, como rin e dan palmas. E entón ficas tranquilo. Que apupen os machitos. Saímos a saudar educadamente. Non é obrigatorio aplaudir.
19 de outubro 2005
Daránse afeito estes nosos corpiños a tanto madrugón? De momento non hai queixa. Hoxe función ás 11 da mañá en Vilagarcía. Voltamos por segunda vez ao grandioso Auditorio Municipal. Pero desta vez...bua, neno!...700 criaturas enchendo as bancadas e montanto barullo (aínda que un pouco menos que os sioux de Verín, Oregón).
Estamos tan tranquilos no camerino ensaiando as nosas peripecias corais, cando chega unha señora con cara entre pánico e reproche. 'Hola. ¿No traeis ninguna pancarta de Caixa Galicia ni nada? Es que no van a saber quien organiza.' O primeiro que me veu á mente foi dicirlle se non sería ese o seu traballo (era a delegada de obra social en Pontevedra), pero informeina simplemente de como estaban as cousas. Moi disposta ela decidiu soltar un discurso no que lles fixo repetir sete veces aos rapaces ¿Sabeis quien organiza este fantástico espectáculo? Coro de 700: 'Caixa Galiciaaaa'. Vale, a muller cumpriu co seu cometido, e alá saímos nós.
Incríbelmente, o que nos temíamos ía ser unha función problemática (é difícil facer atender a grandes masas) resultou ser moito máis pacífico e íntimo do esperado, cun ritmo calmado, sen presas e disfrutando do detalle. Unha experiencia moi agradábel.
Máis agradábel aínda foi catar or berberechiños fresquiños na cantina da lonza de Carril logo de rematar a función. Co sabor do mar enredando na lingua, voltamos da ría a Compostela cunha chuvia maina.
17 de outubro de 2005
'A las siete de la mañana, pobriños!' A monxiña compadécese da vida do artista. Si, para chegar a Verín e facer unha función ás 12, hai que madrugar de raio. A nosa 'obra social' lévanos hoxe a un colexio de monxas, Sta. María Inmaculada. Chegamos apurados. Os nenos entran arrastrando as mochilas e nós os tarecos. Arrombamos no auditorio escolar como podemos. Rapidiño para estar listos ás 12. Cambiámonos no palco e esperamos a entrada dos rapaces detrás da pantalla. Que pasa? Non chegan! Escoitamos o rebumbio do recreo no patio. Por que non entran? Pasa media hora. Nada. Hai que esperar que cheguen tamén os de outro colexio. Pero cantos van meter aquí, 300? Pois si, 300.
Eu pensaba que as monxas os terían máis mansiños. O que? Mi madriña o rebumbio que alí montaron! E iso que había un profe por fila, controlando. Nin con esas. 'Que empiece ya, el público se va!' Apágase a luz. Berro conxunto atronador.
Estamos listos? César, os que imos morrer saudámoste.
O equipo non dá máis de si. Está a tope e aínda así apenas podemos impoñernos ao rebumbio. Palmas desde o principio. Non vai o micro sen fíos? Tanto lles ten! Veña palmas, veña a bailar. Os pequeniños asústanse coa Ramponia, choromican un pouquiño. Os outros bailan e cantan. Non paran ata o final. Espalmillados acabamos. Non sabemos o que tal faríamos. Non nos escoitamos. Eles aplauden que se matan. Otra, otra otra! O que, ho? En fila e para o comedor cagando virutas! Buf! Ser teatreiro estará amolado, pero mágoa dos profes!
Felicítannos os responsábeis do concello e de Caixa Galicia. Moi ben, moi ben. A ver se repetides o ano que ven, estivo moi ben. Pois estaría. Eu na miña vida. Que lles darán as monxas?
15 de outubro de 2005
Burela, tarde de sábado. Os dinamizadores locais deron en repartir os nenos en dúas actividades: festival deportivo no pavillón e Os Trabalinguas na Casa de Cultura. Ao final, como nos dixo o técnico de cultura, nin para uns nin para outros. Os dous a medias, e sen necesidade. Burela bule de actividade (malia estar a flota amarrada polo prezo do gasoil, malia a folga de transportistas) e nenos parece que non faltan. Pero para tanto tampouco che dá. En calquera caso, os que viñeron onda nós pasárono ben e gustaron. A función foi divertida. Tiña que ser, era o día. A pesar do prezo que tivemos que pagar (temos cara de turistas?) por catar o peixe fresco nun restaurante local, a pesar de fallaren os micrófonos e a pesar da mala acústica do local. Dúas funcións tristes seguidas? Iso non pode ser.
14 de outubro de 2005
E no Carballiño, voltamos á nosa 'obra social'. Aquí, xa desde o principio, non hai -nin moito menos- nin expectativas nin moito interés polo que parece. Función de tarde chuviosa. Función de porta aberta, de xente entrando e saíndo e cambiando de sitio. Auditorio grande, con pingueiras tristes e reverberación de galpón. Un fato de nenos que aínda cren na maxia nas primeiras filas e adolescentes con risa tonta na recóndita escuridade do fondo. Menos de media entrada. Espectadores inquedos e esparexidos polo patio de butacas. Atención dispersa. Pais que chegan a aparcar os nenos e voltan do café de cando en vez a mirar como vai a cousa. O auditorio semella unha extensión da viciña estación de autobuses. Frío, chuvia, desinterés, orfandade. Tentar, tentamos. Mais foi imposíbel non contaxiarse. Non estivo tan mal, eh! :-)
8 de outubro de 2005
E de Caixa Galicia pasamos a Caixanova. Cultura en caixas? Cata que mal ten!
O auditorio do Centro Cultural Caixanova (o baixo do Teatro García Barbón) non é precisamente un patio de colexio. (Sempre estes contrastes). En Vigo parece haber expectación. Saiu unha reportaxe na TVG. Chamaron varios medios interesándose. Véndense todas as entradas. Hmmm...que ben soa un patio de butacas de 500 persoas cheo de xente! Probamos a conciencia, repasamos, concentrámonos, hoxe vai ser a boa. Alá imos.
A cousa arrinca ben. Pero xa na segunda peza, sucede o que nunca sudecera... e tiña que pasar hoxe, claro. O DVD atora e ficamos sen filme durante uns segundos que se fan eternos. Improvisamos como boamente podemos e -mal que ben- saímos do foxo. Ainda bo que mantivemos a calma, pero a sensación de camiñar sen chan debaixo dos pés é difícil de esquecer dun momento para outro. Menos mal que o filme está fragmentado e podemos recuperar o fio avanzando á pista seguinte. Non se perdeu grande cousa argumentalmente, o fallo deuse quizais no mellor momento. De feito, segundo os comentarios do público logo da función, moita xente nin se decatou do que pasara: a pantalla mostrou durante uns segundos unha composición abstracta de cores que non desentoaba coa psicodelia imperante. Buf. Pero para nós foi como unha ducha fría. O resto da función fixémola na ponta do pé, esperando que o sistema caese dun momento a outro, temerosos. O DVD seguiu dando pequenos fallos, ás veces conxelaba a imaxe, non lía ben.
Quizais iso nos fixo acentuar a corrección técnica. A partir de aí concentrámonos en sincronizar e executar coa maior exactitude. E o noso desempeño non debiu de ser malo, a xulgar pola reacción do público. No saúdo, recibimos quizáis o aplauso máis cálido ata o momento. Todo foron parabéns. Todo un suceso. Lástima que o cariño non se recibe nin se celebra igual cando os pés non tocan terra firme. Nese estado de ingravidez, as ovacións, os aplausos, os bravos, parece que soan no cuarto do lado.
7 de outubro de 2005
Segunda función para Obra Social. Abegondo. Curioso nome. Soa a García Márquez, pero debe ser godo ou suevo ou quen sabe. O conto é que o sitio é difícil de encontrar. Aparece logo dunha prácida excursión por Cambre e arredores.
Estraño local. Non había outro. Montamos no patio cuberto do colexio S. Marcos entre canastras de baloncesto. Pero a función é ás 21:00 (como non se pode facer escuro, debemos agardar á noite). Aínda que a actuación parece ser iniciativa do colexio e o concello, non había un local mellor para levar aos rapaces?
Montamos no chan. Vai frío. Refuxiámonos na aula de música logo da montaxe. Vai cheando a xente nun ambiente festivo. Os nenos non paran de correr polo patio e remexen no noso equipo. Os pais despreocúpanse. Hmmm. Vai ser unha barulleira. Saímos. É unha barulleira. Os nenos están no patio do colexio, que lle imos facer? Comentan en voz alta, érguense, corren, bailan para escorrentar a friaxe. Disfrutan e aplauden. Sucedeu algo extraordinario no patio onde xogan todos os días. Pero merecían algo mellor, sen frio e con butacas. Será por falta de casas de cultura...
1 de outubro 2005
Serra de Outes. Primeira dunha serie de 12 actuacións concertadas coa Obra Social de Caixa Galicia. Esta función xurdiu a partir da nosa actuación en Muros. Estreamos un novo e bonito cartaz, obra de Miguel Robledo. Estreamos tamén equipo técnico. Pablo e Catarina (xunto con Armando) vannos axudar neste mes carregado de funcións.
Bonita tarde de outono. A pé da Casa da Cultura da Serra a xente apaña castañas na alameda. O local é xeitosiño, montamos nun tris. A casa énchese. Bonita función.
:-( Durante a descarga doulle un rascazo ao coche.
13 de agosto de 2005
Verán na Mariña. Actuación en Foz e por primeira vez...
EXT. NOITE. PRAZA DO CONDE FONTAO.
Unha praza. Un pequeno palco cuberto. Ducias de cadeiras cheas de xente que atende a un espectáculo musical. Bastantes nenos. Ao fondo, nas animadas terrazas dos restaurantes, os turistas disfrutan da noite. Outros deteñen momentaneamente o seu deambular polo paseo marítimo, escoitan un momento e continúan cara o porto. É unha agradábel noite de verán.
(flashback)
EXT. DIA. RUA DE FOZ
Coche con tres músicos avanza por vila turística chea de fodechinchos. Para nun paso de cebra. Ábrese a xanela.
MUSICO 1- Olá! Sabes onde está a praza do Conde Fontao?
TURISTA- Ej que no somos de aquí, sabes?
MUSICO 1- Vale, vale...
O coche segue a súa marcha.
EXT. DIA. PRAZA.
Os músicos chegan á praza. Os técnicos están descargando o material. Operarios danlle os últimos toques ao palco. Traen un andaime para colocar o son. Chega un camión con cadeiras. O concelleiro dalles a benvida aos músicos e supervisa o labor. Os músicos fan tempo nunha terraza mentres rematan os preparativos. Pouco despois, comezan a montar o palco.
SEÑORA- Mira...sí...¿que va a haber aquí hoy?
MUSICO 2- Una obra de teatro para niños, pero venga señora, que es muy divertida.
SEÑORA- ¿No será en gallego, no?
MUSICO 2- Pues sí...
SEÑORA- Porque el año pasado es que claro, vinimos a una obra de teatro y es que claro, estaba toda en gallego. Y es que no pudimos, es que no se puede, claro. Bueno, muchas gracias.
Nenos e maiores relévanse ocupando as cadeiras mentres montamos e probamos. Uns reparan nas proxeccións, outros fíxanse nos instrumentos e nas incidencias da proba de son. Marchan uns e veñen outros.
EXT. LUSCOFUSCO. PRAZA.
Os músicos esperan a que se faga de noite e pican algo na terraza. As cadeiras vanse enchendo. Os músicos soben ao palco e cámbianse apretados nun curruncho oculto polas pantallas. Iníciase a proxección, comeza a función. Alguén se ocupou de apagar as farolas da praza. Asombrosamente, non hai moita barulleira que digamos. Non pasa o coche do reguetón. O público segue a función cómodamente e con atención. Todo corre ben. Aplauden amábelmente. A función rematou. É case media noite. Os nenos corren de novo pola praza. A xente non tén présa por ir para a cama. Os músicos recollen os tarecos, despídense, montan no coche e marchan. Non é o mesmo, pero en exteriores tamén vale.
30 de xullo de 2005
Chegamos a Xinzo de Limia tamén a través do programa Musicarte 2005 (Proxecto ECUS-INTERREG)- os fondos europeos dos que falei antes. Apenas chegar á Casa de Cultura, sorpréndenos a inusual dilixencia do responsábel de cultura, Alfonso Lois. Todo está listo e na hora. Alfonso tenlle cariño ao seu traballo. Escribe para teatro, monta grupos con nenos e xubilados e saen a actuar. Programa música, fai toda a difusión posíbel e non se deixa derrotar polo cativo dos resultados. Todo un campeón da cultura nunha vila difícil para eses mesteres. Non consegue que a xente acuda, que chegue a tempo, que se interese. Na nosa función, nunca viramos un público tan desapegado. Entraban e saían sen parar, a porta aberta continuamente deixaba pasar o sol e estragaba o ambiente. Falaban, cambiaban de asento. Participaron -máis ou menos- na función, pero foi difícil. Inda bo foi que contamos coa asistencia entusiasta de María, a moza de Marcos e varios familares seus, aos que lles gustou moito e cos que tomamos unha caña ao final.
Alfonso esfórzase por levar a Xinzo todas as actividades culturais que pode. Faino con criterio e dedicación. Sorprende a oferta -maior do que en vilas semellantes- e a resposta morna do público.
Recollemos. Cando marchamos, deixamos ensaiando na praza unha enorme banda de gaitas e tambores ao estilo anglosaxón. Iso si parece que funciona na Limia.
7 de xullo de 2005
Depois da parada por causa do marasmo eleitoral e do vai non vai do xa foi e do e logo iría? voltamos á estrada en pleno furor estival grazas aos fondos europeos. Un goberno novo. Un país novo? Ola a ver...
Próxima estación? Celanova. Hmm. Terra do poeta Celso Emilio. Ourense. Ourense é o meus país surrealista por excelencia. Cando entro en territorio ourensá a miña mente predisponse ao cambio de estado. Porén, a pura realidade adoita superar sen esforzo as miñas piruetas mentais.
Entramos en Celanova. Chegamos ao centro e na praza encaramos o enorme mosteiro de San Rosendo. Dámoslle unha volta ao edificio intentando atopar a entrada máis lóxica, que resulta ser, lóxicamente, a primeira que vimos, a entrada, un portón barroco tamaño catedral. Non pode ser. Cargamos por aí? A nosa sospeita confírmase: divisamos ao fondo, xa na antesala do claustro o camión de Kachet encaixonado. Un señor explícame que o camión quedou entalado e agora non pode sair, que el xa lle dixo ao alcalde que había que botar abaixo o dintel para facer sitio, que sempre pasa o mesmo. Paula e Armando sacan o gato e o camión sae por milímetros. Buf. Os nosos trebellos están amontoados diante da porta pechada do auditorio que habilitaron nun dos corredores do claustro. A chave xa vén agora. O claustro barroco é impresionante. Gárgolas. Un reloxo de sol en cada parede. Catro reloxos de sol nun claustro. Hoxe hai sol para todos. A chave non vén. Beber no centro para a terceira idade, a porta do lado. Enorme, grandioso, petado, máis de cen vellos falando, xogando ás cartas, tranquilamente. Penso na distribución do voto das pasadas eleccións. Reparo na placa. Inaugurado por Fernando González Laxe. Xa veu a chave.
Pero isto?
Imos actuar nunha antiga capela reconvertida en auditorio. A tutiplén. Madeira da fina. Un palco pelado de verniz. Ao lado consérvase o púlpito de pedra. O sol entra a través das vidreiras policromadas. Mentres monto a batería escápaseme o gregoriano. Comeza a proba. O local ten a capacidade de converter calquera evento musical (guitarra. baixo, batería, voz, música gravada) nunha reproducción exacta dun tren de lavado de coches. Intentamos a comunicación coa mesa de control. As mensaxes tardan 1, 978 segundos en chegar ao receptor. Unha eternidade insalvábel. Consigna: báixalle aí un pouco a ver se oímos algo. A hora da función sorpréndenos intentando tapar as vidreiras con panos que atopamos baixo do palco. Nada. Imos traballar con luz día.
Saímos ao palco. A xente entra e sae pola porta como o sol. Lémbrame a igrexa de Lira cando era pequeno. Pouca xente esparexida polos bancos. Ímolle dando. Rebota. Entre o público, unha alegría Eduardo e Eduarda coas súas tres netiñas. Que nos convidan a cear con eles ao remate da función.
D. Eduardo Feijoo marchou miudo de Celanova a Lisboa. E agora de vello encontrou o segredo da felicidade. Eduardo casou con Eduarda, pianista. Eduarda tamén é escritora, cousa que se demostra polo feito de que nega de calquera maneira ser escritora. E escribiu un libro sobre un neno que soña, exactamente igual que min que tampouco son escritor de maneira ningunha. Eduardo e Eduarda viven en Parede, onde eu tamén vivín, e saen de viaxe porque saben o segredo da felicidade. Agora pasan uns días en Celanova con tres netiñas. Viñeron a ver a función de Pontevedra, onde mos presentou Nazaret. E hoxe voltaron para nos convidar. Foi unha cea encantadora na que Eduardo, por fin, nos desvelou o segredo da felicidade.
Eduardo Feijoo encontrou un día, en Galiza, moi casualmente e no lugar máis impensábel, a clave do segredo. Nun banco, si, nunha entidade bancaria, un señor tocou un chifre de afiador. Eduardo traballara nun banco. O señor era Pepe Penabade que estaba a presentar o seu espectáculo Furga, Garabela, no que interpreta a un afiador. Os afiadores son de Ourense. O pequeno Eduardo lembraba que en Lisboa baixaba correndo cada vez que sentía o asubío. Os afiadores son de Ourense, seique lle dicían. A partir de aquel día, Eduardo, decidiu acudir á chamada do chifre. Veu a Galiza a ver o espectáculo de Pepe, veuno varias veces. Infórmase a través de internet. Selecciona o realmente importante. E hoxe veunos ver a nós, e porfiou por nos convidar. E facernos máis felices.
Hache de haber vellos, vellos deses que non se saben retirar a tempo, ou daqueloutros que enchen os centros da terceira idade, que aínda habían dar o que teñen por saber o segredo de por que Eduardo ten tanta vida nos ollos como as súas tres netiñas. E o segredo é tan simple! Só hai que estar atento a aquel asubío que nos move.
Só hai que querer escoitar.
Muito obrigado D. Eduardo Feijoo, dos Feijoo de Celanova.
30 de abril de 2005
Para que me pedirían 70 cartaces os do Concello da Estrada? Hoxe chegamos un pouco antes de tempo porque temos de novo cambio de técnico e témolo que adestrar. Fomos tomar un café no medio da montaxe, logo fomos xantar. Pensas que vimos algún cartaz do espectáculo en toda a Estrada? Nada. O único que había por todas partes eran cartaces dos Lunnis que tiñan o circo montado ás portas da vila. Estache ben a competencia.
O Teatro Principal foi rehabilitado recentemente e deixárono bastante a xeito. Só lles faltou investir un pouco máis (e mellor) no equipamento técnico e non caer no fallo de sempre: colocar o control técnico alá arriba e detrás dun cristal. Pero non tén mal. O escenario é amplo. O patio de butacas tamén.
Non hai moito movemento antes da función. A xente tarda en chegar, vaise retrasar o comezo. Polo visto a xente chega tarde sistemáticamente. Apareceu pola tarde alguén do Concello, estaba pero logo xa non estaba, non lembro o nome, non tiña moito interés. Só nos acompañou toda a tarde un chaval do grupo de teatro do instituto que foi o único que realmente nos axudou. Era moi simpático e estaba moi interesado.
Esperaba que viñera a xente dunha asociación cultural que se puxo en contacto con nós o ano pasado intentando contratar unha función. Asociación Mistura. Non tiñan cartos abondo, pero alegráronse cando viron que íamos ir pola Rede. Eu prometín regalarlle uns discos, só por ter un detalle. Pero non apareceron despóis da función. Non sei se foron ou non.
Ao final houbo apenas media entrada. Un público máis ben frio. John, o técnico que aquel día nos sacou do apuro, fixo un traballo excelente e saiu unha función sen fallos. Nazaret, a falta de xente, tívose que encargar das proxeccións. Estaba moi nerviosa, pero tamén fixo o traballo perfectamente. Nós fixemos unha función máis. Un pouco rutinaria, quizáis. Antes de saír ao palco vimos como brillaba fóra o sol da tarde de domingo. Ao lonxe soaba a megafonía dos Lunnis.
Recollemos nun tris e chegamos a Santiago antes de vir a noite.
Remata aquí un abril intenso. Non temos máis actuacións á vista. A próxima celebración das eleccións galegas semella ter paralizado o aparato cultural. Sairán proximamente novas actuacións da Rede do IGAEM e esperamos colocar canto antes un paquete de 12 actuacións que concertamos coa Fundación Caixa Galicia. De momento, toca esperar. Xa sabedes que podedes estar ao tanto en http://www.psicofonica.com/trabalinguas.html
28 de abril de 2005
Función doble en Muros. Mañá e tarde. O primeiro que hai que facer cando se chega á Casa da Cultura de Miraflores é lembrarse do xenial arquitecto que decidiu que o auditorio tiña que estar na planta baixa, na que non hai acceso posíbel de vehículos para a descarga. Ala ascensor! Xenial.
O da doble función debíase a que as reducidas localidades do auditorio non daban para acomodar a tódolos escolares nunha soa tanda. O escenario tampouco facilita moito o traballo. Experimentamos diversas colocacións e cando xa estabamos acabando a montaxe, tivemos que cambiar de novo as pantallas por falta de tiro dos proxectores. Ao final non tivo mal.
A primeira función, ás 11:15, correu sen grandes problemas -quizáis con máis erros dos habituais- e a da tarde, ás 4, xa foi máis fina e moito máis dóce grazas á presenza dos pequeniños que ocupaban uns bancos corridos na primeira fila. Seica os da mañá dixeran que estaba tan ben, que as profes dos de 4 anos animáronse a traelos á tarde. O resto eran todos de 6 a 11, e para ese público selecto sempre é un pracer traballar.
Entre unha e outra tivemos tempo de disfrutar do sempre exquisito xantar da Casa Anido. Non hai mellor sitio no mundo -por emprazamento e arte culinaria- para disfrutar do salpicón e a pescada, dúas das súas especialidades.
Voltamos a Santiago con pena. A primavera comeza a locir fermosa na Ría de Muros.
22 de abril de 2005
Apoteose en Arteixo. O Centro Cívico a reventar de miudos. Chegáramos un pouco tarde á montaxe e saímos un pouco descentrados; non tivéramos tempo de facer unha boa proba de son e seguimos experimentando con novas montaxes no DVD. Mais apenas ver aquela sala chea de cariñas expectantes, e logo de arrancar moi ben na primeira escena, a cousa non fixo máis que medrar de enerxía. De mañá nunca estamos nas mellores condicións vocais, e aquel día iso quedou patente xa nas probas de son. Quizáis por iso saímos coa intención de tapar as carencias cunha dose extra de enerxía. A verdade é que nunca saíran tantas 'morcillas' (uiii...perigo!). O conto é que desta vez, as máis delas saíron moi ben e axudaron a que os rapaces se implicasen máis... e de que maneira!
Rematar, rematamos cansos e coa sensación habitual de 'podía estar mellor, pero aínda menos mal'. A sorpresa foi que aínda ben non acabamos a última peza, a rapazada estalou nun rebumbio de aplausos e berros que nos deixou pampos.
Saudamos un pouco abraiados e aínda non tiñamos o pé fóra do palco cando o berro unísono de 'outrá!' nos fixo voltar. Non tiñamos ningún bis previsto e cometimos o erro de preguntarlle. Mimadriña! Vaia galiñeiro! Non houbo xeito de comunicarse. Ao final botámoslle unha -quizáis non a máis apropiada- e saímos, vaia, quixemos saír do escenario.
De súpeto un grupo de nenos (mandaban as nenas) achegouse á boca berrando. Estaban histéricos. Achegueime un pouco asustado. Dirixinme a unha nena que con bágoas nos ollos e case esmagada polos que empurraban desde atrás, chiaba: "Aquí! Aquí!". Abaixeime. "Fírmame! Fírmame!" berrou fora de si achegándome un programa. Eu non sabía onde meterme. Asinei e deille a folla. E logo ela berrou: "E agora que me firme o Tonecho". "Que Tonecho?" repuxen eu. "Si! O Tonecho! Non nos engañas! Cachámolo! É o da guitarra! Sabemos que é o Tonecho!" Intentei desfacer o erro, pero non houbo maneira. Saín de alí escapado aproveitando que os profes estaban a ocupar o escenario para proceder a unha entrega de premios escolares.
Quen coñeza a Marcos e ao Tonecho (supoño que se referían ao pequeno) ben verá que calquera parecido só pode ser producto de algún tipo de alucinación. Comentando o suceso no camarín non achábamos explicación. Home, Marcos estivo especialmente simpático nas súas intervencións, levaba unha pucha tapándolle a cabeza, e si, tamén é das Rías Baixas, pero máis de aí... o único que queda é flipar co poder narcótico da televisión e pór en dúbida os propios méritos. Supoño.
9 de Abril 2005
Función en Viveiro ás 6 da tarde do sábado 9. Voltamos aos horarios máis 'normais' aínda que no teatro avísannos que iso do teatro ás 6 da tarde non está a ter moita convocatoria. A ver que pasa. Viveiro ten un teatriño, o Pastor Díaz (Don Nicomedes), ben xeitoso e ben apañado. Dá gusto traballar alí e máis logo de chegar atravesando a fermosa serra da Gañidoira (estragada, iso sí, polo insidioso eucalipto e polo seu novo compañeiro, o muíño de vento). O público polo visto non é moi puntual e dinnos que retrasemos un cuarto de hora o comezo da función. Glups, a ver se non vén ninguén. Ao final, lixos fóra, o teatro estaba case cheo. Tamén é certo que a xente seguiu a entrar durante o primeiro cuarto de hora de espectáculo e pola actitude de certos sectores (rapaces que non paraban de falar e os pais sen dicirlle nada), semella que moita tradición teatral non che debe haber. Incluso un neno do público, cando rematou a función, non puido evitar declarar voz en peito: "Pois eu é a primeira vez que veño!" Pois sería. Espero que volva.
O espectáculo correu ben, dentro do que cabe. As nosas interpretación estiveron máis frouxas que nos días anteriores, pero a nosa capacidade de reacción vaise recuperando e axiña chegaremos ao nivel que tiñamos a finais de decembro. A coordinación co novo equipo técnico tamén vai a mellor. O público non ten queixa (véñennolo dicir ao camarín e transmítennos os parabéns do señor concelleiro) e nós tampouco. Imos velo mar. E de volta, en vez de pasar por Vilalba, probamos a ruta das Pontes. Fico pampo, coma sempre, ante o brutal complexo e a ostentosa chaminé. Co coche aparcado á beira da estrada, Marcos pregunta: para que carallo lle sacas fotos a iso? Na miña mente mestúranse o protocolo de Kioto e a arquitectura industrial, pero respóndolle algo a respeito do carallo (con perdón).
De volta en Santiago, Xabier entra en pánico ante a revelación do enésimo esquecemento do día. Afortunadamente, nada de excesiva importancia.
Non podo deixar de reseñar unha escena que contemplamos na viaxe de volta. Cansos de tanta estrada e da incómoda viaxe -despistámonos un par de veces- paramos a tomar algo e a repostar nunha gasolineira da autoestrada. Xa era a noitiña. Aparcamos o coche a uns metros dunha furgoneta. Cando baixamos, no lusco fusco reparamos en que había unha persoa de pé ao lado da furgoneta. Normal. Mentres púñamos as chaquetas, volvín reparar nela. Seguía inmóvil. Deille un toque aos outros e achegámonos con curiosidade. Foi entón cando puidemos distinguir a alfombra que tiña debaixo dos pés descalzos. Era un home novo rezando en recollemento. Estou seguro de que escoitou os nosos comentarios, discretos, cando por fin descubrimos o que era. Mais non se inmutou. Seguiu concentrado na súa estraña posición, moi pegado á furgoneta, sesgado.Decatámonos de que estabamos molestando e demos volta.
Entramos na cafetería discutindo se realmente a Meca quedaría na dirección que el indicaba e aventurando hipóteses sobre cal é a maneira de orientarse nunha noitiña neboenta, nun área de servizo desde onde non se poden distinguir nin a lúa nin as estrelas. Tamén nos preguntábamos se non lle sería mellor rezar tranquilamente cando chegase á casa. Será que teñen unhas horas marcadas para orar, ao por do sol, por exemplo? Será que andan con busola? Será prescriptiva a alfombra? Por iso son os grandes especialistas en alfombras?
Descoñecemos demasiadas cousas dos musulmáns. Cada vez viven máis entre nós. Xa vai sendo hora de que nos informemos. Por simple educación.
6 de Abril 2005
Por eses caprichos dos programadores que nunca acabas de entender acabamos por facer unha función ás 9 da noite no Teatro Experimental Bento Martins de Chaves (Portugal) organizado polo Festival Internacional de Vila Real vía Cosellería de Cultura. Cousa rara, pero nós encantados.
Chegar a Chaves pasa polos trámites típicos: intercambio de correos coas necesarias instruccións no que os portugueses falan español e os galegos falan portugués; pillar o coche e pagar a clavada Santiago-Lalín; logo perderse -como é de rigor- nos viaductos ourensáns e, finalmente, pasar a raia. De camiño fómonos deleitando coa versión portuguesa do Labirinto interpretada polos amigos do Trigo Limpo. Non é que pretendéramos facer a función en portugués, non fixemos ensaios, mais sempre veñen ben aquelas palabras imprescindibles para pasar ben o texto (ou iso pensabamos).
O Teatro Experimental Bento Martíns non é doado de encontrar, pois está nun deses sitios onde non esperas encontrar un teatro (e moito menos experimental). Ao final, nun edificio anos 70, entrando por unhas galerías comerciais, ao fondo do corredor, camuflada entre outros variados negocios encontramos a porta. A sala, en cambio, está moi ben. Pequena, escenario amplo e equipado no chan, as butacas en bancadas, 150 prazas de capacidade.
Na proba de son xa empezamos a brincar co simpático vocabulario portugués (a eles parécelle moito máis simpático o noso) e botamos unhas boas risas. O conto é que entre bromas e veras cando puxen pé no palco ao principio da función, saíume automáticamente ese galego aportuguesado, esa coiné que practico para desenvolverme cando estou alá e non fun quen de sacalo do peteiro ata que rematamos. Nas partes máis narrativas aínda tiven tempo de tomar algún coidado na miña improvisada tradución simultánea, pero nas partes cantadas ou de ritmo máis lixeiro, mimadriña!, nin eu sei o que alí fixen e dixen! O conto é que ao final, aquela función nocturna, prácticamente para adultos -só había media ducia de nenos- e falada nunha estraña mestura de linguas, non saiu tan mal e gañou a cumplicidade do público chavense. Recibimos os aplausos un pouco descolocados. A nosa manager tranquilizounos dicindo que a cousa saíra moi ben e gustara moito. Aínda bo foi. Eu non sei. Isto do galegués ou portulego (que eles toman por portuñol) ten a súa volta. Por unha banda é absurdo. Por que non habiamos de falar cada quen o seu? Logo non se entende? E por outra, uns e outros somos incapaces de fuxir del, hai algo humano, algo de porse no lugar do outro, que inevitablemente nos leva a ese híbrido estraño. A eterna peripecia portugalega.
A hora de diferencia pasa a súa tarifa. Tomamos un petisco rápido e embarcámonos na viaxe de volta. Vaites, creo que ningún de nós se meteu nisto do teatro infantil para chegar a casa ás 4 da mañá.
Nota: o grafiteiro de Chaves firma así: Labirinto.
4 de Abril 2005
Sen tempo non era. Os Trabalinguas tomáronse un tempo de descanso logo da xira de Nadal e non por pracer, senon porque houbo que reparar a man do guitarrista. Talmente. A man de Marcos viuse atacada polo temible mal de Dupuitren (ou algo así) e os cirurxáns tiveron que entrar a saco para exterminar o invasor. Marcos levaba tempo esperando a súa vez, mais ao final todo cadrou ben e ademáis a operación foi un éxito. De maneira que así que xa se recuperou comezamos a programar actuacións de novo.
Comezamos con dous días de estadía no Teatro Principal de Pontevedra. Primeiro nos Domingos do Principal, un interesante programa que oxalá se repetise no resto das cidades e vilas galegas. Houbo moi boa entrada o día 3 pola tarde. Moitos nenos acompañados polos pais. Había xa 3 meses que non faciamos o espectáculo e, malia os ensaios previos, notamos que algo perderamos. Ademáis, agora levamos dous técnicos e un novo equipo de son máis completo. Aínda que Armando estivo dándolle indicacións ás novas incorporacións (Paula e Pazos), a función careceu da axilidade habitual por parte de todo o equipo, mais non por iso foi cativa. Actuamos coa enerxía dunha estrea e o público, adultos e pequenos, premiounos cunha cálida recepción.
Cousa distinta é porse a tocar e cantar ás 10 da mañá, como aconteceu na función para colexios do seguinte día 4. A enerxía, si, convócase, o conto é que tarda en aparecer. As voces están unha octava máis abaixo e o mesmo lle pasa a outra serie de atributos. Agora ben, cando saes ao palco ante varios autobuses de rapaces (esta vez sen pais) excitados ante a perspectiva de librarse do colexio aínda que sexa un par de horas, a enerxía, se non está, haina que sacar aínda que sexa de baixo das pedras, se non estás vendido. Cantar creo que moi ben non cantamos, pero sacamos a chispa. No falso final que ten o espectáculo, cando aproveito para falar un pouco co público, pregunteille á rapazada: gustouvos? Eles responderon cun siiiiii abrouxador. Logo, os condenados, despois de cantar a canción final, cando saímos a saudar regaláronnos unha merdiña de aplauso (xa vos teño contado ese tipo de experiencia) deses que che deixa con cara de parvo. Feliz idade na que poden pasar amplamente dos formalismos.
Por certo, unha boa iniciativa dos Domingos do Principal é a de darlle aos pequenos espectadores unha especie de papeleta onte pontúan do 0 ao 10 a función e comentan o que queiran. É un bo xeito de monitorizar a programación e de saber o que lles gusta e o que lles deixa de gustar. Non é por fardar pero aparte de moitos 10, unha chea de noves e varios notables, a avaliación pasámola con nota. Non vou negar que un ou unha nos castigou con un 2 cruel. Lembro ademáis dúas anotacións curiosas. Unha dábanos un 7 ou un oito e comentaba: "Moi ben pero tanta película xa farta un pouco". Outra, que tamén nos pontuaba alto remataba: "Me gustó mucho. Es una lástima que no domine más el gallego ya que sólo llevo 8 años en Galicia". Xa, xa.
30 decembro 2004
Moito che medrou Carballo, capital de Bergantiños. Agora xa ten todos os adiantos dunha auténtica cidade: autoestrada na volta, atascos e franquicias de multinacionais. Aínda bo que o progreso trouxo tamén o estupendo Pazo de Cultura que, a pesar de algúns defectos no deseño da caixa do palco, nada lle ten que envexar a outros teatros de Galiza. Mentres instalábamos a montaxe, sorprendeunos unha chamada da radio local na que un periodista non só nos avisaba da expectación que había arredor da peza (correríase a voz desde Malpica?), senon que o home coñecía o noso traballo e os nosos antecedentes e tíñaos en grande estima. Non é habitual ese tipo de diálogos aquí cos xornalistas, así que, gratamente sorprendidos, rematamos a montaxe esperando que polo menos houbera media entrada naquel grande auditorio. As nosas expectativas máis optimistas foron sobradamente superadas, e tivemos a fortuna de clausurar a xira coa mellor entrada do ano e cun público entusiasta e participativo. A función foi moi excitante e animosa e tivo un extraordinario recibimento. Que mellor maneira de despedir o ano e darlle entrada a un 2005 que, sen dúbida, nos traerá máis aventuras no labirinto?
29 decembro 2004
A Casa da Cultura de Pontedeume está ubicada no primeiro andar dun antigo convento, na parte vella da vila. Hai que subir as cousas por unha revirada e antiga escadaría de pedra. O espazo deu xustiño para instalar a nosa montaxe. Afortunadamente, a práctica que agora temos fainos superar calquera problema sen complicacións. Dos camerinos improvisados na aula de manualidades accedemos á sala desde unha porta que dá á galería do convento. Tampouco aquí esperabamos a casa chea, mais voltamos ter sorte. Foi de novo unha función moi próxima ao público, aínda que, coas funcións que levamos ao lombo, non tardamos en distinguir que o de Pontedeume é un daqueles que non ten moito hábito de asistencia ao teatro, así que tivemos que esforzarnos un pouco máis para que non caese a atención. A pesar de todo, sempre encontramos entre o público aqueles espectadores cómplices que nos axudan a traballar. E aquí tamén había uns cantos (non precisamente entre os nenos) aos que se lle vía na cara que a cousa lles estaba a gustar. Ao final, uns polos outros, todos acabaron entrando e disipando a tensión inicial e a función acadou o nivel habitual. Os aplausos finais foron decididamente liderados por un miudo que, levado polo entusiasmo, non paraba de berrar: 'Vivan los novios!' para rexouba de novos e vellos. Supoño que sería a súa maneira de celebrar a festa, e tamén indicativo de que o pequeno debeu de asistir a máis casamentos que actos culturais. Recollemos os lotes mentres no cuarto do lado comezaba o ensaio dun grupo de rock. Rock no convento. Aínda menos mal.
28 decembro 2004
Hoxe esperábanos o enorme e temíbel Auditorio Gustavo Freire de Lugo. Un espazo enorme onde adoitan ficar deslucidas as actuacións debido ao gran tamaño do seu patio de butacas. A acústica da sala é tamén un elemento en contra, mais esta vez levamos reforzos e grazas á colaboración de Ramón e un equipo de son mellor, conseguimos facer soar aquilo máis ou menos.
Montamos de mañá para non chegar apurados e o traballo rendeu ben. Tivemos a sorte de poder dispor de tempo para regalarnos co sempre agradábel xantar no mesón de Suso, onde experimentamos o bo facer da nova cociñeira marroquí. O inefábel Paco Pestana exercía de gourmet e anfitrión dunha paparota na mesa do lado. Ana tamén apareceu por alí. Fomos moi ben tratados, como é costume da casa, e aínda por riba gañamos algúns espectadores máis, o que é un alivio sempre no Gustavo Freire.
Para a nosa sorpresa, houbo moi boa entrada e a función ficou moi lucida e con enerxía. Conseguimos vencer a friaxe do local e a distancia co público. Por unha vez, aquel teatro que antigamente acollía as cámaras frigoríficas do matadeiro de Lugo, non foi moi despiadado con nós.
27 decembro 2004
Ames. A Casa da Cultura do Milladoiro ferve de actividade. Despois de moitos anos á sombra de Compostela, o cambio de goberno -igual que en Rois- propiciou un novo despertar da programación cultural. Mentres instalábamos a montaxe sucedíase a chegada de xente para diversas actividades. O auditorio é moi acolledor e perfecto para o noso espectáculo. Non se esperaba tanta xente, mais a chegada de moitos amigos e familiares fixo que faltaran asentos. O público estaba un pouco amontoado. Os rapaces metían a cabeza diante dos proxectores e abaneaban os soportes. Glubs! Haberá alguén controlando. Para esta última semana do ano, con funcións de tarde e para todos os públicos, o espectáculo chegou áxil e moito máis expresivo. En cada función imos descubrindo cousas novas e non nos resulta complicado implicar ao público nos nosos xogos. Debido ás festas, acoden moitos pais acompañando a nenos moi pequenos. A montaxe non está pensada para eles, pero comprobamos que seguen a función con atención e non chegan a desconectar de todo cara ao final. Aínda que o equipo de son resultou ser un pouco escaso para unha sala tan chea, todo resultou moi ben e a ovación final refrendou a boa acollida da nosa actuación.
23 decembro 2004
Chegada a Carral
'Sodes os do teatro, non? Pois menos mal que estou eu aquí porque se non, a ver quen voa abre o local!' O intrépido teatreiro ten que se afacer a esta clase de reccebimentos e agradecer a súa fortuna. O Local Social de Tabeaio marcou, antes das festas do Nadal, un breve descenso non xa a preferente, senon xa ao fútbol modesto. Ficamos sós no medio do chan de terrazo. Diante do escenario unha mesa que aínda conservaba o mantel. 'Onte houbo aquí unha cea... Ala, eu marcho'.
O intrépido teatreiro debe agradecer a fortuna de traballar nun local de usos múltiples. Instala o seu camerino no cuarto de baño. No de mulleres. E despois acondiciona a acústica das paredes coas colchonetas da clase de yoga. Coloca os bancos a xeito para o público e ocupa o palco. Coma nada. Aínda ten tempo de ir tomar algo antes da hora da función, mais...Non! O intrépido teatreiro está só e non pode deixar o teatro aberto. O futuro teatreiro debe saber que ademáis de abrir as portas do teatro galego -que xa é difícil- ten que saber pechalas. Menos mal que nós temos a Armando, neno. Baixou a persiana metálica e arrimou a furgalla pegadiña á porta. 'O que entre aí, ese si que é un artista'. E alá fomos tomar un pincho.
Cando volvemos xa chegara alguén e había nenos á espera. Foi chegando xente, bastantes nenos, e saimos ao palco a escorrentar a friaxe. Boa. Pasámolo ben todos. O intrépido teatreiro non está só. Peor debeu ser o dos mártires...de Carral.
22 decembro 2004
E recén ascendidos de 'regional preferente'...tatachaaaaaan! Hoxe ás nove da noite...en directo...no gran (enorme, colosal, inmenso) Auditorio de Vilagarcía. Xa só no montacargas cabían todos os nosos lotes e sobraba sitio para montar tamén nós. As nosas pantalliñas e os nosos instrumentiños parecían xoguetes vistos desde o alto da última bancada. Tivemos que improvisar unha nova iluminación. O traballo fíxose doado coa colaboración do peroal do teatro (un saúdo a Ramón). A proba de son ocupounos máis do previsto por ter que nos adaptar ao equipo (moi mellorable) de amplificación do auditorio. Aínda bo que a función era ás nove. Ás nove? Virá algún neno ás nove?
Algúns viñeron, acompañados dos pais, claro. Aínda houbo público. Por volta das 200 persoas. Mais naquela inmensa tribuna parecían 20. A montaxe viuse moi bonita naquel escenario grandioso e nós sufrimos de vernos tan lonxe (o foxo da orquestra tamén é enorme, é un teatro da ópera!!) mais moi mal non o fixemos, vistos os aplausos finais (xa non estabamos afeitos). Tivemos mostras de aprezo, só que faltaron algunhas presencias moi esperadas. Ao rematar o traballo, non paramos na cidade que cantaron Korosidansas. Tomamos unhas tapas en Carril. Non deixei de pensar en Roberto Camba. No pensamento, como nos soños, non morre ninguén. In memoriam.
21 decembro 2004
En Bergondo voltamos ás funcións matutinas para colexios. Encheuse aquilo de rapazada. A Casa da Cultura é outra desas paradoxas do equipamento cultural galego. Para meter os lotes tes que dar unha volta de raio e logo resulta que o fondo do escenario é unha enorme (e inútil) galería acristalada que non se pode abrir e hai que tapar con teas negras para poder traballar. Espero que a alguén lle veña a idea de abrir unha rampa de acceso e equipar o local.
Cada vez interpretamos mellor a peza, liberados xa da escravitude da sincronización musical coa proxección, empezamos a brincar máis, a disfrutar, a xogar. O problema é que agora éntranos un ataque de risa cando cantamos o Cebólido e escarallamos a canción. E a partir de aí, todo é festa.
Apontamento indiscreto: No Concello de Bergondo aniña un ogro administrativo que obriga aos nenos malos a presentar as facturas tres veces -cebólido...repite- para poder cobrar...quen sabe cando. Repetiremos?
18 decembro 2004
Ben parece que en Rois -que no meu mapa particular evoca a loita da mítica mestra de Rois por poder dar clases en galego- non houbera actividades culturais desde -mimadriña- antes dos tempos de Franco. Agora, despois de moitos anos de escuridade, xurdiu o cambio e a xente nova quere facer e fai moi ben. Non teñen de momento outro espazo que un baixo/rocho/galpon/patio interior debaixo do colexio. Están á espera de rematar unha nova casa da cultura. Rois é un concello disperso, pero o novo equipo esfórzase por programar actividades en diferentes localidades e interesar á xente. Dubidan nos horarios dos eventos. Hai ilusión. Non hai hábito de asistencia.
A montaxe, entre tuberías, columnas de cemento e plásticos negros, riba dun palco feito con mesas do colexio e taboeiros, tiña unha fasquía underground-psicodélico-rural. O local era pequeno, estabamos a un paso do público, que parecía unha familia numerosa reunida arredor dunha lareira cibernética. A lus reflexada nas pantallas alumiaba os rostros de bebés, nenos, nenas, mociñas, nais, avoas, homes, todos moi atentos. Nas últimas filas, os anoraks reflectantes dos voluntarios de protección civil, aportábanlle á composición un toque charramangueiro.
Tivemos tempo para facer unhas reparacións no ritmo do espectáculo e incluso para preparar unha mini-coreografía simpática. O camerino era un aula de infantil moi ben equipada que había ao lado, e estivemos brincando e cantando antes de sair. Saimos ao palco moi contentos polo medio da xente. Había frio pero fixemos unha actuación quente, que a xente agradeceu moi ben para alegría das programadoras, que tamén foron felicitadas. Os voluntarios axudaron animosos na descarga. De camiño a Santiago -tan perto, tan lonxe- deume por matinar, manda carallo, na Cidade da Cultura. Cidade da Cultura? Tiven a estraña visión dunha placa de inauguración nunha columna de aquel galpón de Rois. Ou sería un mal soño?
17 decembro 2004
Malpica de Bergantiños. Función ás 6 da tarde no recén construido Centro Cívico. Seique a xente da vila non acaba de asistir aos actos que organiza porque queda 'fóra' do pobo. Antón, o programador, comentábanos a súa angueira de dinamizador cultural, case anticipando que a asistencia ía ser pouca. O edificio non é unha marabilla da arquitectura. Ten serios problemas para o acceso de material e o auditorio é frio. O día era feo. Vento e chuvia.
Viñamos afeitos ás excitantes funcións só para nenos e o público mesturado de Malpica propiciou unha sensación distinta do espectáculo. Non houbo cheo, pero non estivo mal para as expectativas. Máis mozos -máis ben mozas- que nenos e bastantes adultos. Detectamos algúns puntos mortos no decorrer do espectáculo que pasaban desapercibidos nas funcións infantís (o espectáculo vaise facendo) pero foi unha boa función, quizais deslucida pola acústica do cemento á vista do teatro. O público mostrouse agradecido. A sorpresa quedou para o final. Despois de cambiarnos, cando volvemos ao palco para recoller os trebellos, atopamos á nosa espera a unha secreta admiradora fitándonos fixamente. Non lembro a súa idade, non sei se chegaba aos catro anos. A súa nai explicounos que xogaba moito co CD-ROM d'O Labirinto, que sabía as cancións de memoria e que xa remexía ela sóa co ordenador e todo. E quería coñecernos. Ela non se atreveu a dicilo, mais soubemos pola súa nai que, vaia, ao seu ver, o espectáculo non estivera mal, aínda que non cantáramos tan ben como no disco, e non sabía se lle gustaban moito os cambios que fixeramos nas cancións. No instante, tiven gañas de agradecerlle a súa crítica, de mostrarlle a importancia que para nós tiña a súa atención, que realmente ela era a razón de todo, o seu futuro, só aqueles ollos... e claro non souben. Así e todo, marchei feliz.
15 decembro 2004
Nova función matutina en Ortigueira. Tivemos que sair de Compostela de noite e ver abrir o día mentres nos achegabamos ao norte. A viaxe fíxose breve e chegamos dez minutos antes do previsto. Que guai, un cafeíño antes de traballar... pero, onde? Ortigueira, a esas horas tiña as trazas dun fantasmagórico pobo pantasma. Non había nin a quen preguntarlle na rúa. Na parte vella da vila, moi coidada e chea de mobiliario urbano de novo deseño que contrastaba coa preciosa arquitectura antiga que se conserva, non encontramos a ninguén mentres vagabamos polas rúas neboentas. Finalmente, atopamos un café baldeiro na estrada xeral. Acababa de abrir. Sorprendeunos o barato dos cafés e que nos agasallaran cuns anacos de rosco ben sabroso.
O Teatro da Beneficencia, ubicado no histórico edificio que tamén acolle as oficinas municipais é moi bonito e alegre para traballar. O palco ten as medidas ideais para o noso espectáculo. O patio de butacas é pequeniño e acolledor. A función estaba concertada cos colexios de Ortigueira, e temiamos que non houbera sitio para todos os nenos. Ao final, resulta que todos os nenos de Ortigueira non chegaron a encher de todo as butacas. Antes de comezar o espectáculo, este feito e as rúas baldeiras da mañá, fixéronnos pensar no paradoxal despoboamento das vilas galegas. Acabarían aqueles nenos marchando dun pobo tan bonito como Ortigueira? Por que? Non había moito tempo para especulacións, achegábase a hora de sair ao palco
Entre bambolinas axexamos o patio de butacas antes de sair. Aquilo era unha festa. Pensamos que habería que dar un toque de atención para empezar. Pero apenas comezaron a funcionar os proxectores, o rebumbio converteuse nun Oooooo! unánime que deixou a sala sumida nun silencioso recollemento. Saímos ao palco sorprendidos pola reacción. Algúns dos nenos miraban para nós coa boca aberta axoellados na butaca e co abrigo a medio sacar, como se quedasen conxelados na postura da súa última trasnada. Desde o primeiro momento seguiron as nosas evolucións cunha complicidade total. Cando empezaron as primeiras cancións non dubidaron en dar palmas, corear as letras que escoitaban por primeira vez e moitos deles pasaron toda a peza bailando sen perder detalle. A función correu como unha seda... alí todos estabamos xogando e disfrutando do xogo. Ao final da canción do zoo-lóxico, onde se di 'pero non podemos repetir a canción porque...' pareceume sentir unha especie de desaprobación no público. Ocorreúseme preguntar se querían que repetísemos... e devolvéronme un siiiiiii unánime. Repetimos a canción e de alí ata o final non volveron pousar o cu no asento. Despois das últimas notas, acabamos coa sensación efusiva de triunfo total e saimos a saudar convencidos de recibir unha estrondosa ovación. Ben ao contrario -cousa a que nos acabariamos por afacer en funcións sucesivas- miraron para nós cunha mestura de incredulidade e decepción por ter rematado tan sorpresivamente, deron unhas poucas palmas de mala gana, ficaron un pouco máis mirando para nós en silencio (a ver se lle botan outra) e cando se decataron de que non, de que aquilo era mesmo o final, retomaron o rebumbio inicial como se alí non tivese pasado nada. Como se fose unha ensoñación, un sucedido marabilloso deses que acontecen decote en vilas máxicas como Ortigueira.
Nota gastronómica: o viaxeiro que pare en Ortigueira e non xante no Patracas perderá un dos serios atractivos da vila. Comida caseira cociñada con cariño, boa carne, bo peixe, un caldiño que quita as penas e, de postre, un prato fondo de requeixo que induce a trance místico. Comen catro polo que un paga en Compostela, a dona que cobra regala conversa rexoubeira e saes de alí transformado. Deixas atrás a ría de Ortigueira como se saises dunha viaxe no tempo.
6 novembro 2004
Onte, día 5, tivemos función en Ribadeo. O auditorio municipal é cómodo para traballar, está ben feito -quitando aquelas migalladas técnicas. Montamos todo bastante rápido, o que en certa medida compensou o madrugón. Mais aconteceu o de sempre, a función estaba marcada para as 11:45 e os rapaces xa estaban alí batendo nas portas ás 11:15. Alguén aparece mentres nós acabamos de montar. Logo non podedes empezar a e media? O de sempre. Nós procuramos buscar media horiña antes da función para relaxar e concentrarnos. De novo non houbo xeito. Entramos en escena un pouco atrapallados, máis desta vez fomos reconducindo a función. Houbo bastantes imprecisións musicais e fallos no andamento da peza, pero mantivemos a tensión e non quedou tan falta de forza coma en Ordes.
Había unha chea de pícaros. Polo menos 300. Desde miudiños de todo ata rapazotes xa deses curados de espantos. Desde a canción do mosquito, houbo unha boa parte deles que empezou a bater palmas cada vez que arrancaba unha canción. Mais como vían que nós estabamos empeñados en seguir a sincronía do filme, paraban logo duns cantos compases. Logo da función, no xantar, comentamos que era unha rabia, que parecía que non lle dabamos oportunidade de participar máis, e eles querían. De feito, na canción dos trabalinguas, na que estamos menso escravizados das imaxes, metéronse moito máis, e deron palmas e intentaron cantar ata que rematou a música. Temos que mellorar ese tipo de cousas.
Aquí os rapaces estaban bastante máis soltos. Os profes parecían darlle máis liberdade e eran menos estrictos á hora de pór orde. A eles tamén semella que lles gustou. As reaccións dos nenos e nenas eran máis espontáneas. E, sen dúbida, os pequeneiros foron os que máis disfrutaron. Había unha tropa daqueles maiores -si, eses, os mesmos de sempre, os que están na última fila- que nos colleron atravesados desde o principio. Esperaron un pouco a ver como ía a cousa, pero axiña comezaron a soltar os seus comentarios. Aínda ben que malia todo, seguian as peripecias e ían comentando tamén as súas conclusións sobre o que pasaba na pantalla. O que está claro é que, como non, tiñan que facer notar a súa autoridade sobre os pequechos e intentaron conducir en todo momento as reaccións da platea. Ao final, mentres os demáis aplaudían, eles deron en nos apupar, como non podía ser doutra maneira. Sen demasiado entusiasmo, o suficiente para que todo o mundo lles prestase atención. Ah...que será mañá dos nenos terribles?
Temos agora un mes de descanso. En decembro temos unha boa tanda de funcións - 9 -. A principios de mes voltaremos a xuntarnos para repasar, retocar e prepararnos para a xira de Nadal.
1 novembro 2004
A estrea fóra ás 12 da mañá. O día seguía pairando prácido sobre a ría da Arousa, así que fomos xantar á praia de Cabío. Arredor dunha caldeirada de raia aínda rimos un cacho lembrando as mellores xogadas da función. Mais pouco paramos, pois Marcos e Pepe tiñan que se reunir con Fran para un concerto de narf aquela mesma noite. O equipo quedou emprazado para o venres 29 en Ordes.
A casa de Cultura de Ordes está lonxe do encanto do cine Elma. Ten un palco amplo, pero co defecto de estar presidido por unha enorme pantalla de cine que non se pode mover. Está amarrada a conciencia. Mais o pero de todo é a acústica. Ata falar fai barullo. A función era ás oito da tarde. Por alí non pasou ninguén do concello. Non debeu haber moita promoción porque case había máis xente de Santiago. A función quedou máis lucida coa incorporación de novas proxeccións, mais foi máis frouxa cá estrea, con esa sensación estraña das segundas funcións de todos os espectáculos. Non se sabe ben que pasa, pero hai unha mestura de cousas que fan que nunca sexan brillantes. Malia as coñecidas migalladas técnicas, a cousa tampouco foi mal e o público, desta volta adulto na maioría e moito máis reducido, agradeceuno con palmas, súpetamente interrompidas polo encargado da sala, a quen lle deu por acender as luces antes de rematar o conto e subir ao palco cun cabo na man, non se sabe con que incógnitas intencións. Non evitou, porén, que lle botáramos outra e que algunha nena dera en bailar e dar palmas.
Adeus, Ordes, a próxima será mellor.
31 outubro 2004
Os Trabalinguas estrearon unha versión escénica da obra multimedia 'O Labirinto dos Soños' no cine Elma da Pobra do Caramiñal o 21 de outubro de 2004. A amabilidade do departamento de cultura do concello da Pobra permitiunos dispor do cine Elma dous días antes da estrea. O vello cine estaba triste e con pingueiras. O palco no que traballamos ocupaba as primeiras filas do antigo patio de butacas. Marcos lembrou as súas tardes de infancia naquel cine -e eu lembrei as miñas no cine de Rotaina, en Lira. Conectamos os proxectores de vídeo, apagamos as luces e empezamos a tocar e cantar. A sala escura devolvía unha acústica perfecta, ideal para traballar na intimidade. Ensaiamos de cara a unha platea baldeira, mais nas butacas do fondo, na escuridade das últimas filas, seguro que aínda quedaba agachado algún rapaz dos anos 70.
A semana anterior á estrea estiveramos ultimando a montaxe no Centro Socio-Cultural 'Aurelio Aguirre' de Conxo (graciñas, Xulio). Alí foi onde tivemos as primeiras sensacións do que sería o espectáculo. Era a primeira vez que puñamos en escea o que xa tiñamos matinado moitas veces. Coa Psicofónica xa tiveramos oportunidade de interpretar as cancións do Labirinto dos Soños diante dos nenos. No 2003 fixeramos unha presentación na NASA, en colaboración co Dpto. de educación do concello de Santiago, que rematamos cun concerto. Comprobamos o ben que se pasa tocando xunto á rapazada. Logo, na carpa do País de Nunca Máis, no campo de fútbol de Lariño, voltamos a pasar a tarde cos miudos e a sensación de que pagaba a pena facer unha montaxe en condicións seguiu a medrar. Ao final, o proxecto armouse con Pepe Sendón, Marcos Teira e Xavier Olite, que antes de chegar aos ensaios de Conxo, xa coa montaxe de vídeo realizada, estiveran a arranxar as músicas para trío no estudio de Xavier. Agora, na Pobra, o patio de butacas baldeiro, só coas sombras dos nenos que fomos, íase encher con 250 rapaces do século XXI.
Baixando de Santiago cara á ría na furgoneta con Armando, o noso tecnico ferrolán, fomos deixando atrás as néboas. Desde Taragoña vimos no espello do mar calmo de Rianxo un ceo limpo, azul e luminoso. O sol entraba entre as cortinas do Cine Elma xusto antes de chegar os rapaces, e o teito xa non pingaba. Adiantado á expedición, chegou un director de colexio enervado polos horarios do transporte escolar inquirindo a duración exacta do espectáculo. Apoubigámolo. De alí a un pouco, os rapaces de dous colexios invadiron o cine, e nós preparámonos para comezar. O director enervado demandou silenzo... e arrancou a aventura.
Todo correu ben e lixeiro -quitando aquelas migalladas técnicas. Os 45 minutos pasaron coma un alento e remataron nunha gran ovación. Os nenos e as nenas paparon as aventuras de Ventura sen pestanexar, sobre todo os de diante, porque, felizmente, naquelas últimas filas escuras volveran a revivir os máis atravesados. Seguían alí. Sempre seguirán alí canda nós.
|